Wednesday 15 de May de 2024

Trenor anuncia a licitación da restauración do Santuario de Nosa Señora das Angustias por máis de 132.000 euros


A intervención centraranse en resolver os problemas de humidades que sofre este inmoble, sede da Confraría das Angustias e importante espazo litúrxico na celebración da Semana Santa ferrolá

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a igrexa da Nosa Señora das Angustias na que a Xunta levará a cabo as obras de restauración para resolver os problemas de humidades que afectan ao inmoble. A tal fin, sacouse a licitación unha intervención que compromete máis de 132.000 euros para resolver as patoloxías deste monumento. Cando se adxudique a obra o prazo de execución é de 12 meses.
Gonzalo Trenor destacou que “este edificio é sede da Confraría das Angustias e un importante espazo eclesiástico na celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional”.
Na actualidade, existen problemas de humidade en diversas zonas do inmoble derivadas da entrada de auga a través de distintos puntos dos paramentos exteriores e interiores. Para a súa solución está previsto a construción dunha cámara bufa, a impermeabilización de puntos críticos, a renovación dos revocos con morteiro de cal, a substitución puntual da cuberta de tella, así como diversos tratamentos de limpeza, consolidación e pintado do monumento.
Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Xunta de Galicia e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións no monumento.

Singular ben ferrolán
O Santuario de Nosa Señora das Angustias foi construído pola confraría homónima a finais do século XVIII e é un ben catalogado incluído no planeamento de Ferrol. O inmoble e a súa contorna inmediata tamén se atopan no ámbito de protección do Camiño Inglés. No seu interior alberga unha talla que é obxecto de veneración a Virxe das Angustias, que porta ao fillo en brazos.
Trátase dunha edificación caracterizada polas súa sobriedade e liñas simples. Ten unha planta rectangular de gran profundidade, cunha capela maior estreita que posúe un retablo detrás do cal se atopa a sancristía, á que se accede por dúas portas. Conta cun largo espazo dividido en tres tramos de diferente anchura e lonxitude. As cubertas teñen bóvedas con lunetos baixo os que se abren óculos de iluminación.

O tramo de entrada, de maior amplitude, está destacado en planta; o segundo é algo menor e lixeiramente máis estreito; finalmente, o terceiro, de transición á capela maior, experimenta un suave estreitamento inferior que, non obstante, non afecta en modo algún a recta continuidade do muro perimetral.